Neste artigo presentámosche algúns datos importantes na relación visión-condución.

É de todos coñecida a importancia de ter unha boa visión para levar a cabo tarefas como a de conducir un vehículo, pero quizais moitas persoas non se decaten dalgúns aspectos de grande importancia.

O CAMPO VISUAL:  Sabías que podes ter unha boa visión (agudeza visual), pero ter un campo visual deficiente?  Hai certas patoloxías, como pode ser o glaucoma, que poden causar unha diminución do campo visual sen necesidade de afectar a túa agudeza visual.  Como é lóxico, se o noso campo visual é deficiente, o risco de padecer un accidente aumenta, porque  perdemos parte do que pasa ao noso redor.  Existen probas específicas, coma a exploración do fondo de ollo ou a campimetría, que poden axudar a diagnosticalo.

A AGUDEZA VISUAL (AV):  É o aspecto máis importante a ter en conta.  Unha mala AV fai que aumente o risco de padecer un accidente, xa que tardaremos máis en ver os sinais e cartaces ou a outros vehículos e peóns.  Polo tanto, se a nosa AV non chega a certos niveis, pódennos poñer algún tipo de restrición no noso permiso de conducir ou, mesmo, poderán retirarnos o carnet de forma permanente.  Polo xeral, co uso de gafas ou lentes de contacto pódese acadar unha boa AV.  Un exame visual completo darache, ademais doutros datos, o nivel da túa AV.

A VISIÓN BINOCULAR:  Imos  supoñer que vemos moi ben de lonxe, pero… estamos vendo cos dous ollos?  Boa pregunta, verdade?  Ao mellor para moitos a resposta é obvia, pero a miña experiencia dime que a ausencia de visión binocular é máis común do que pensamos.  Os motivos: ambliopías (ollo vago) profundas, estrabismos, anisometropías grandes, …   Se só vemos cun ollo (visión monocular) perdemos a percepción das distancias, porque non temos visión en tres dimensións.  Se estamos conducindo un vehículo e non podemos calcular con exactitude a distancia con respecto a outro vehículo, obxecto, peón, etc., a condución será menos segura.  Ademais, ao faltar a visión do outro ollo perdemos boa parte do campo visual.  Coma sempre, cunhas “simples” probas podemos avaliar o nivel da túa visión binocular.

Para completar esta información recoméndoche a lectura de Problemas coas gafas 3D e a sección Test de visión estereoscópica.

OS DESLUMBRAMENTOS:  Este é un problema que afecta a todos, mesmo aos que teñen bo campo visual e boa AV mono e binocular.  Os deslumbramentos fan que perdamos momentaneamente a visión clara das cousas, poñéndonos en situación de perigo.  Poderiamos distinguir dous tipos de deslumbramentos: os directos das luces dos coches durante a noite, por exemplo, e os producidos por reflexos durante o día.

No primeiro grupo habería que avaliar se é un deslumbramento normal ou se poidera ser causa dun problema visual non diagnosticado.

O segundo tipo de deslumbramentos (como poden ser os producidos polo reflexo da estrada mollada, reflexos doutros coches, reflexos do salpicadeiro no vidro dianteiro do teu coche, etc.) pode solucionarse co uso de gafas de sol con lentes polarizadas.  As lentes polarizadas son, hoxe en día, as mellores para a condución diurna, porque minimizan moitos dos reflexos que nos molestan durante a condución, reducindo o deslumbramento, mellorando o contraste e aumentando a nosa seguridade.

Recorda: “Se non ves, non conduzas”.

Antonio M. Sanluís
Óptico-optometrista col. mún. 12989